Inici > Articles > Cultura > Entrevista con Daniel Salgado
 
 

Entrevista con Daniel Salgado

Declararon unha guerra contra todos nós e non nos decatamos ou non a tomamos en serio

Montse Dopico 14/07/2014
 

Podería ser o retrato da derrota. Do fracaso. Da desintegración da clase traballadora como tal. Dunha paisaxe de cascallos. Das ruínas de despois da deflagración. Mais non. Ou non só. Dos tempos sombrizos, o último libro do poeta e xornalista Daniel Salgado, é un capítulo máis dunha crónica que o seu autor iniciou xa nos seus primeiros poemarios. O relato dunha guerra en curso na que o medo non é só dos que se saben dominados, senón tamén dos que ventan que poden ser varridos do poder. Porque nada hai decidido nun período de crise do capitalismo global como o actual. Aínda hai lugar para a emancipación.

María do Cebreiro e ti publicastes xuntos A guerra. Non se distingue o que escribiu un e o outro... Como foi o proceso de creación?

Sempre estamos conversando: por correo, por teléfono, en persoa... A guerra comezou como un intercambio de poemas, noticias, fragmentos de textos... que foi moi seguido e tivo unha continuidade no tempo. Nun momento pensamos que de todo aquel magma de conversas podía saír un libro. O que fixemos foi seleccionar, revisar, reordenar... Os textos son dos dous. Pero tampouco houbo unha intención de que non se saiba quen escribiu cada parte... Propuxémoslle o proxecto á editorial Barbantesa e aceptaron encantados. Ademais quedou moi ben a portada, co anxo de Paul Klee que a Walter Benjamin lle inspirou a súa teoría do anxo da historia. Unha revista académica americana, Abshynte, vai publicar anacos de A guerra nun monográfico sobre novas escritas de Europa. A proposta foi de Neil Anderson, que fixo a tradución ao inglés.

Hai unha continuidade entre todos os teus libros. Sempre estivo presente neles a loita de clases, a consciencia de pertencer a un recuncho de Occidente... Mais desde Os poemas de como se rompe todo e ruído de fondo describes unha paisaxe de cascallos, ruínas, que antes máis ben intuíase.

Todos os meus libros teñen que ver, e de maneira consciente, co noso tempo, individual e colectivo. Gústame que se note, ademais. Si hai unha continuidade, e pode que si, que haxa agora unha confirmación dunha catástrofe que antes se intuía. E non é só cuestión de política, ou si o é mais no sentido de como nos afecta, como colectividade, o que está a pasar, como afecta ás nosas relacións como individuos. En canto á maneira de escribir, ruído de fondo levoume a unha calella sen saída. Porque vai ata o final dun xeito de entender a linguaxe que non consigo levar máis alá, que me levou a un punto morto. Non sabía como continuar. E neste último libro, Dos tempos sombrizos, tentei romper con iso. De feito envieino a un premio para obxectivalo, porque era un salto tan grande que non sabía se funcionaba... Por iso é un libro con moitas referencias concretas, con dedicatorias a amigos... Quixen rexistrar cousas de maneira directa.

Tamén hai unha consciencia das limitacións do poema, da escrita. Di Dos tempos sombrizos que non hai metáfora disponíbel para as actuais circunstancias. E ruído de fondo que o poema vira imposíbel, que tropeza coa lingua e coa historia. Por que?

É esa sensación da insuficiencia da linguaxe que vén polo menos desde o romanticismo... E está expresada de distintas maneiras, si. En ruído de fondo tentei fracturar a linguaxe, o verso, encarnar a situación na propia linguaxe. En Dos tempos sombrizos hai, como che dicía, un intento máis narrativo. Tentei eliminar as ambigüidades da linguaxe. E ti dirás: sen ambigüidades da linguaxe non hai poesía...

Ou si que a hai. En relación con iso, tamén falas de perversión da linguaxe, e iso ten que ver cos medios de comunicación. En A guerra os xornais non chaman guerra ao que si o é. En ruído de fondo está o "réxime rigoroso de desinformación".

Da perversión da linguaxe xa falaba Chus Pato moito antes de que se convertese nun problema político colectivo. Falaba de escribir contra a linguaxe do pacto, do consenso. De como a linguaxe tamén ten propietarios, porque na linguaxe tamén hai loita de clases e entón clases desposuídas da linguaxe. O valor de uso das palabras depende de quen se apropie delas. Hai palabras que, ou facemos unha reapropiación delas, ou están mortas. E iso tamén é unha preocupación da literatura desde hai moito tempo. O xornalismo, en relación con iso, é un dos espazos de apropiación da linguaxe por parte das clases dominantes, ás veces utilizando testaferros. Ou polo menos o xornalismo nas actuais condicións. E todo iso acaba aparecendo nos poemas. Non me gusta impedir que as cousas entren no poema. E gústanme os poetas que non o impiden, desde Ezra Pound a María do Cebreiro... O labor de quen escribe non é prohibir a entrada de segundo que materiais, senón facer o contrario, ampliar o radio de acción. Se iso aínda se pode facer despois de Ezra Pound.

Dos tempos sombrizos transmite un sentimento de fracaso. Un movemento obreiro desintegrado, un desequilibrio cada vez maior entre capital e traballo... A guerra chamaba máis á organización. Hai esperanza ou non?

É que un elemento que está moi presente en Dos tempos sombrizos é o medo. Histórico e colectivo. Temos medo. Declararon unha guerra contra todos nós e nós non nos decatamos ou non a tomamos en serio. Non somos quen de asumir a gravidade da situación. Entendo que é prepotente falar en nome de todos, dun "nós". Mais eu falo do que vexo. E pregúntome, que vai ser de nós? Iso está moitísimo no libro. A loita de clases estivo sempre aí, guste ou non, nas sociedades en que vivimos. Puido haber pactos, acordos puntuais, pero nunca desapareceu. E a poesía ten a responsabilidade de nomear as cousas e non se enganar.

En Dos tempos sombrizos as contradicións do tardocapitalismo aceléranse. Xa desde antes, os teus libros nomeaban a fin dunha etapa. Mais, hai crepúsculo do réxime, como dis, ou reforzo do mesmo?

Eu creo que si que estamos no fin dunha época e que o cambio é profundo. Polo menos en Europa acábase unha etapa. Estamos nun tempo de tránsito cultural, social, político... e por iso hai caos. O que non sei é se confío moito nas nosas propias forzas. Non sabemos se se está a reforzar a dominación, se o que virá será mellor ou peor. Hai unha indeterminación histórica, como dicía Benjamin. Que é o que pasa cando houbo avances históricos. Aínda que idea mesma de avance é cuestionable: a sociedade do benestar capitalista que remata agora veu despois de dúas guerras e grazas a unha riqueza acumulada que viña do colonialismo...

Mais o que parece claro é que teñen medo. Por iso a Lei de "Seguridade Cidadá"...

Teñen medo e mesmo parece que os que teñen o poder nos sobrevaloran. E falamos de "eles", iso que é tamén tan abstracto... Ás veces é como se tivesen máis consciencia da potencialidade do bloque dos dominados que os propios dominados. Por iso apertan os parafusos. Mais tamén é certo que están pasando cousas. O número de folgas, de horas de folga, de manifestacións... está nos índices máis altos desde a transición. E electoralmente tamén está a haber cambios. Por iso aproban leis máis represivas ou propoñen reformas do sistema electoral, porque teñen medo de ser varridos nas eleccións. Estamos protestando todo o día, mais se cadra non se lle acaba de dar unha expresión política ao noso malestar. Tamén se idealiza o pasado: se cadra no pasado foi parecido. Como non vai haber protestas? É normal. O que está claro é que non estamos adormecidos, nin moito menos.

Do medo tamén falades en A guerra. Mais do medo inoculado para parar as protestas: o medo á policía..., e todas esas formas de violencia estrutural. Do lado contrario, tamén se cadra se idealizan os períodos revolucionarios. Cando non todo é tan espectacular.

Porque non as teñen todas consigo... Ocorre que a política partidaria tende a banalizar as ideas pero, si, claro que hai violencia. E a violencia estrutural tamén é violencia material, tamén se sofre na carne, como a outra. E nas ideas. E, si, os períodos de cambio son longos, teñen os seus fluxos e refluxos...

Comentabamos antes que nos teus poemas hai moita consciencia do lugar, da posición desde a que se fala. Se cadra tamén porque o tsunami chegounos tamén a nós, a Occidente. Salvando as distancias.

Tampouco quero frivolizar con iso mais o noso país sempre foi unha periferia dentro da periferia do centro, e é evidente que a loita de clases se agudizou, e iso translócese no poema. Está a reconfigurarse o papel de cada nación, de cada Estado, no sistema-mundo. E claro que nos afecta. E non é unha cuestión de análise política só. É a vida. É o que nos toca como individuos e como colectivo. É a vida material. A vida, en fin. Os poemas falan de como nos relacionamos os individuos nunhas determinadas circunstancias históricas, de como encarnamos as contradicións históricas. Porque estamos no mundo, somos parte del. Non somos observados desde fóra. E interésame ese punto que leva do individual ao colectivo e do colectivo ao individual.

Os poemas de Dos tempos sombrizos sitúanse en lugares concretos. E convidan a establecer paralelismos entre distintos tempos da historia, que se repite. "O pasado non existe", di o poema que cita a Zeca Afonso. A guerra é a mesma, e está en curso.

Hai unha idea que está moi presente nos últimos libros, que ten que ver con Walter Benjamin. Máis que que a historia se repita, é que hai pasaxes que conectan distintos momentos da historia. O pasado, así, faise presente. É o tigre que se espreguiza e salta, di Benjamin, que advirte de que a vitoria do fascismo tamén será a derrota dos vencidos da historia. O pasado sucede no presente. E cando activamos a potencia que pode ter determinado acontecemento histórico desde o presente, tamén teremos que ir máis alá da lóxica da homenaxe, que pode ser un pouco paralizante.

Non só falas con Walter Benjamin nos poemas. Falas con moita xente. Con Bertolt Brecht. Con Marx, por suposto. Con moitos escritores. E músicos tamén. O poema sobre o experimento en Grecia remite directamente a Das Kapital, por certo.

O Leo participou unha vez nunha homenaxe a Zeca Afonso e fixo o seu repertorio de versións do Zeca coa súa guitarra eléctrica. E despois dixo, -non lembro as palabras exactas-, algo así como que volvemos a Marx porque estamos fodidos e non sabemos por que. Non é un receitario, pero a súa lectura axúdanos a interpretar o mundo. Aínda que a miña última obsesión está a ser Pasolini... Como non volver a Marx? Eu daríalles a ler o 18 Brumario aos alumnos de xornalismo. Ademais, hai un poema mellor que o Manifesto Comunista? En serio: cantas imaxes literarias nos deixou? En canto á música, é o mesmo. Non estou para facer de alfandegueiro dos poemas. O que forma parte da experiencia de quen escribe entra no poema, é normal. Hai un poema que fala do que algúns críticos falaron sobre a aparición do free-jazz, de J. Coltrane. Dicían que, por primeira vez, a sección rítmica e a sección melódica ían por separado e non dialogando entre si. A min paréceme unha metáfora política moi boa. E está aí porque me axuda a explicar algo nun poema. Axuda a significar cousas que non teñen que ver coa historia do jazz...

Percorre tamén os poemas, e non só no teu último libro, a imaxe do avó. Que está asociada á represión da posguerra, á emigración en Éxodo, e tamén a saberes que non somos quen de manter.

Somos descendentes de labregos. Hai saberes que a min aínda me soan algo, pero que xa non son meus. Porque houbo un salto civilizatorio moi grande e moi rápido, en 20 ou 30 anos. Nós somos os últimos aos que aínda nos soará a relación directa do traballo coa terra. Os nosos pais naceron en casas sen luz eléctrica e agora usan internet. É imposible que un pobo non estea traumatizado por iso!

Volvendo ao de antes, algunha culpa debemos ter, porén, no que está a pasar. Non quixemos ver. Durante moito tempo pareceu todo moi cómodo. Todo ben centrado. Como se non houbese dereita e esquerda.

Pois se non había nada que adiviñar, estaba todo aí. Outra cousa é que os discursos dominantes agochaban. Hai un mundo que entra en crise porque hai unha base material que entra en crise. Todas as debilidades da economía de ladrillo estaban máis que advertidas e analizadas. Outra cousa é que iso tipo de discursos tivesen audiencia. Vivimos no capitalismo, ata nova orde. E a idea de esquerda e dereita non é máis que a posición que se teña ante esa realidade. E iso aínda aceptando o relato de que houbo Estado de Benestar, que tamén é cuestionable, porque a miña xeración non coñeceu outra cousa que a precariedade, e agora o paro. Entón, onde estiveron as vacas gordas? Hai cousas que me indignan sobre o relato que se fai, tanto desde a dereita como desde a esquerda. Nós tamén acabamos interiorizando visións do mundo que non son nosas.

En Días do imperio falabas da ilusión do posmodernismo e de que case era mellor ir recuperando os grandes relatos da emancipación. Algo debe ter que ver coa recuperación destes a emerxencia de novos referentes pola esquerda no mapa electoral, en Galicia e en España.

O título dese poema é o dun ensaio de Eagleton. O problema dos discursos da posmodernidade, desa hexemonía intelectual, -e falo en xeral, porque non todos os pensadores din o mesmo-, é que é politicamente paralizante. Ademais era como o correlato filosófico dun movemento político caracterizado por un conservadorismo político atroz, que é en realidade de onde vén parte do que acontece agora. E si que parece que agora os discursos contrarios a isto emerxen máis, teñen unha audiencia máis ampla, porque queremos entender o que pasa, como dicía O Leo. E insisto en que non hai profecía. É só estar incardinado nunha posición. Por outra banda, que é a posmodernidade? Non é fácil dicilo. Hai unha frase moi bonita que lle di Eagleton a Foucault: se todo é político, nada é político...

Un dos relatos que cuestionas é o da nación, o país. Desde os primeiros libros. Non somos herdeiros de nobreza antiga ningunha, di A guerra, que protesta ademais polas lóxicas sectarias. 'Éxodo' advertía das falsas idades de ouro. En Os poemas de como se rompe todo rompía tamén a nación....

Hai unha cousa que me molesta moito no relato que fai o movemento de emancipación nacional sobre o país, que é que sempre se mide en relación a modelos ideais que me parecen altamente criticables. Hai, por exemplo, unha ansia por ser un "país normal". E que é iso? Se honestamente chegamos ao final dese razoamento, se cadra non nos gusta nada. E isto ten que ver co discurso da normalización cultural. Entendo que ten que haber discursos de lexitimación nacional, que nun inicio e para facer fronte a tópicos coloniais se diga que a nosa foi unha lingua de reis, mais, é por iso que ten que existir en igualdade de condicións con outras linguas? Porque se cadra isto ten que ver cunha derrota política a nivel mundial. Dalgunha maneira, certa ideoloxía dominante acábanos imbuíndo a todos. Ser un país normal é ser un país onde haxa explotadores e explotados? Se a idea de emancipación nacional non se carga politicamente, temos problemas coma estes.

Dis en Dos tempos sombrizos que nada está a salvo, tampouco o idioma.

O galego é unha lingua sometida a ocupación. E isto é unha obviedade, unha cuestión obxectiva, independentemente da posición política que adoptemos. Facer política co idioma é dicir o contrario, dicir que hai liberdade para usar as dúas linguas na vida diaria. E isto obriga a quen escribe a ter unha conciencia de facelo nunha lingua atacada, desprezada. Segue habendo moitos complexos colectivos que xa había nos anos 50. Continúan vivos. O galego é a lingua da xente de aquí e xa está. Non fai falta dicir que tamén nos serve para facer ciencia. As linguas teñen dereito a existir en igualdade condicións coas demais, e iso ata está recollido pola ONU e institucións así de importantes... Ás veces penso que o mellor programa para defender o galego é o poema de Celso Emilio Ferreiro, Deitado frente ao mar.

Hai quen di que a túa creación poética se move na liña de Celso Emilio Ferreiro, precisamente. Que cres ti?

É o primeiro poeta que lin, o que me fixo pensar que iso da poesía..., coidado!. É un autor que repaso de cando en vez. Temos unha imaxe del moi simplificadora. Pero se baixamos aos textos vese que é un poeta enorme, como creador de imaxes... A min interésame moito tamén o personaxe. Tan divertido, tan volcánico. Do tipo de xente eruptiva. Alén do que os poemas din no aspecto político, é un escritor cun sentido do ritmo impresionante... e non ten a culpa do que fagan ou fixeran os seus epígonos.

En A guerra e noutros libros aparece a idea do encontro entre as persoas como acto político, nun momento en que sería máis fácil para o poder que houbese só individuos. Sobre todo nas cidades de cascallos, nas arquitecturas derrubadas que describes en ruído de fondo e xa antes.

A iso me refiro cando digo que a realidade é a que produce os individuos, os nosos comportamentos, a nosa relación cos demais. A nosa prioridade ten que ser a liberdade, a independencia... É un pouco, como dicía antes, a conciencia de como nos condiciona o lugar e o espazo. Como lector, interésame a literatura que indaga nesa tensión entre o íntimo e o público, o individual e o colectivo. Pasolini fala diso nos seus ensaios. Tamén o Ulises. É un tema universal.

Hai algunhas imaxes que se repiten moito nos teus textos, xa desde 'ucede. Como a luz, que en Dos tempos sombrizos é cegadora.

A nosa relación co mundo está atravesada por iso, pola luz. Sucede é un libro que escribín hai catorce anos e xa non volvo a el, a verdade. Mais é verdade que a luz aparece moito nos poemas, ou as estacións. Non sabería explicar moi ben por que, quitando esa sensación de que condiciona a nosa relación co mundo. Hai pouco lin o Ensaio sobre a cegueira de Saramago, no que a cegueira é branca. A xente ve unha luz branca, brillante. Se cadra algo diso pasou a este último libro...


Fuente: http://praza.com/cultura/7518/ldeclararon-unha-guerra-contra-todos-nos-e-non-nos-decatamos-ou-non-a-tomamos-en-serior/


 
PDF adjuntat
Bookmark and Share