Inici > Articles > Democràcia - República > Notas sobre un libro de Stuart Holland
 
 

Notas sobre un libro de Stuart Holland

David Rodríguez 17/03/2016
 

Veño de ler Contra la hegemonía de la austeridad (Arpa, 2016), de Stuart Holland. Un traballo tan breve como interesante. O autor é un personaxe metido en lides políticas desde hai ben tempo. Foi asesor do presidente laborista Harold Wilson e de Jacques Delors cando este presidía a Comisión Europea. O libro paga a pena tanto polo que di como polo que non di e, sobre todo, polo feito do autor poder narrar algúns episodios desde "dentro do becho".

Non pretendo facer unha crítica sistemática do libro. Apenas un par de notas.

Entre o interesante que non di, destaca a total ausencia de calquera comentario sobre o papel xogado pola xeopolítica do século XX no nacemento do proceso de integración europea. A ausencia compénsase coa crítica á figura de Jean Monnet, ao que ve responsable, en boa medida, da UE que hoxe padecemos. Unha UE composta por organismos elitistas que non responden democraticamente ante ninguén. Os antecedentes deste tipo de organismos están, a dicir de Holland, no Comissariat Général du Plan creado por De Gaulle e presidido por Monnet. Tratábase dunha comisión encargada de planificar a economía francesa que, ademais de ter o monopolio da inciativa, non rendía contas ante o Executivo nin ante a Asemblea Nacional.

A tese máis destacable de Holland (de especial relevancia agora que o Reino Unido someterá a referendum a súa pertenza á UE) é que o proceso de integración europea perdeu a oportunidade de dotarse dunha estrutura confederal xa no momento en que as teses de Monnet sobre a toma de decisións e o monopolio da iniciativa impiden que o Reino Unido estea na Conferencia de Messina de 1955, antesala da creación da Comunidade Económica Europea do tratado de Roma de 1957 (cuxa axenda, a dicir de Holland, era puramente liberal) e impedindo así que descansase nos Estados a preservación da lexitimidade democrática. En lugar diso, o que trunfou foi o esquema federal, consistente na creación dunha superestrutura autónoma non vinculada aos pobos europeos, unha especie de supranacionalismo sen nación e sen demos.

Holland reivindica a figura de Delors, en cuxo Libro Branco, creado durante a súa presidencia da Comisión Europea, xa figuraba a que sería a medida máis potente de "Unha modesta proposición para resolver a crise da zona euro" asinada en 2013 por Stuart Holland canda James K. Galbraith e Yanis Varoufakis: a emisión de eurobonos a través do Banco Europeo de Investimento cos que financiar un New Deal Europeo.

É irónica a reivindicación de Delors por parte de Holland ao tempo que se arela unha integración europea confederal, habida conta de que foi Delors quen, no seu desempeño como Ministro de Finanzas de Francia, aconsellou a Mitterrand o regreso ás políticas de austeridade e clausurou a esperanza que representaba o goberno entre socialistas e comunistas de comezos dos anos oitenta do século XX; e foi tamén Delors quen, desde a Presidencia da Comisión, impulsou a creación da Acta Única Europea.

Por outra banda, esta ironía pódese estender á figura de Varoufakis: acaso non foi a teima de Varoufakis de enfocar a negociación Grecia-Eurogrupo como un problema europeo que esixía unha solución europea en lugar de aproveitar as pancas que lle daba o Estado grego e a lexitimidade democrática outorgada polo pobo ao seu goberno -posta de manifesto no heroico referendum polo non ao novo memorandum- un novo trunfo da concepción federal europea en detrimento da confederal? E, aínda que sexa algo cedo para avalialo correctamente, non é o movemento DiEM25, plataforma paneuropea sen arraigo nin estrutura en ningún país da UE, outra repetición da idea federal onde as cousas emanan desde arriba dando por suposta a adhesión posterior dos que están abaixo?

O libro de Holland conxuga datos e anécdotas de interese con reflexións sobre psicoloxía, neurociencia, percepción, Gestalt, tradicións relixiosas etc, que son usadas para explicar determinadas decisións de mandatarios.

Se cadra, atrévome a aventurar, este psicoloxismo e a ausencia de reflexión sobre correlación de forzas é idiosincrásico deste trío de autores da "Modesta proposición": unha proposta formalmente brillante que promete mudar as políticas económicas da UE sen mover unha coma dos tratados e sorteando os intereses materiais encontrados dentro dos países pero que, como as teses defendidas por Varoufakis ante a Troika, sorprendentemente atopa moitos atrancos para imporse mediante a pura apelación abstracta á razón, á democracia, ao progreso.

Fonte: http://ofunambulistacoxo.blogspot.com.es/2016/03/veno-de-ler-contra-la-hegemonia-de-la.html



Bookmark and Share